Para entender o cambio climático pensa no Tetris. Durante eóns, a Terra xogou unha versión dese xogo con bloques de carbono. Entran na atmosfera como dióxido de carbono dos volcáns, materia vexetal en descomposición, animais que respiran e a superficie do mar. E deixan a atmosfera cando son empregados pola plantas na fotosíntese, absorbidos outra vez polo océano, ou almacenados no solo e nos sedimentos. A este xogo do Tetris chámaselle "ciclo do carbono" e é o motor da vida na Terra. ¿Cal é a conexión co clima? Ben, cando ese dióxido de carbono está no aire, esperando a ser reabsorbido, bloquea unha parte da calor do Sol que, doutra forma, escaparía para o espazo. Por iso, ao dióxido de carbono chámaselle "gas de efecto invernadoiro". Crea unha capa de calor coñecida como "efecto invernadoiro" que impide que a Terra se conxele coma Marte. Cantos máis bloques de dióxido de carbono haxa na atmosfera agardando ser absorbidos máis cálida se volve a Terra. Aínda que a cantidade de carbono na atmosfera variou a causa das eras glaciais e dos impactos de asteroides, durante os últimos 8000 anos conformouse o clima estable que coñecemos permitindo o desenvolvemento da civilización humana. Pero hai uns 200 anos comezamos a desenterrar ese vello carbono que fora almacenado no solo. Estes combustibles fósiles, carbón, petróleo e gas natural formáronse a partir dos restos enterrados de plantas e animais que morreron moito antes de que os seres humanos evolucionaran. A enerxía almacenada dentro deles alimentou as nosas fábricas, coches e plantas eléctricas. Pero queimar eses combustibles inxectou máis bloques de carbono no Tetris da Terra Ao tempo, cortamos bosques para a agricultura, reducindo a capacidade da Terra para eliminar os bloques. E desde 1750 a cantidade de carbono na atmosfera medrou un 40%, e non amosa sinais de desacelerarse. Igual ca no Tetris, cantos máis bloques se amorean máis difícil é recuperar a estabilidade. O dióxido de carbono extra na atmosfera acelera o efecto invernadoiro atrapando máis calor preto da superficie e causando o derretemento dos casquetes polares. E canto máis se derreten menos luz solar poden reflectir, facendo que os océanos quezan cada vez máis rápido. O nivel do mar sobe, a poboación costeira sofre a ameaza de inundacións, os ecosistemas naturais vense alterados, e o clima vólvese máis extremo co transcurso do tempo. O cambio climático pode afectar persoas e lugares distintos de maneiras diferentes. Pero, ao final, é un xogo que todos estamos xogando. E, ao revés ca no Tetris, non imos ter a oportunidade de reiniciar a partida e probar outra vez.