Que é o que nos mantén con saúde e felices durante a vida? Se tivésedes que investir agora no voso mellor futuro, onde poñeriades o voso tempo e a vosa enerxía? Unha enquisa recente á xeración do milenio preguntoulles cales eran as metas máis importantes na súa vida, e máis do 80 % dixo que unha meta importante era facerse ricos. E outro 50 % deses mesmos adultos novos dixo que outra meta importante era ser famosos. (Risos) E dísenos constantemente que traballemos máis, que nos esforcemos para acadar máis logros. Dános a impresión de que debemos perseguir estas cousas para ter unha boa vida. As imaxes de vidas enteiras, das decisións que toma a xente, e o resultado desas decisións son case imposibles de obter. Gran parte do que sabemos da vida sabémolo pedíndolle á xente que lembre o seu pasado. E, como sabemos, a retrospectiva é todo menos rigorosa. Esquecemos grandes fragmentos do que nos ocorre na vida, e, ás veces, a memoria é francamente creativa. Pero, e se puidésemos ver vidas enteiras conforme se desenvolven no tempo? E se puidésemos estudar as persoas desde a adolescencia ata a vellez para ver que mantén a xente feliz e saudable? Fixémolo. O Estudo de Desenvolvemento Adulto de Harvard pode que sexa o estudo máis longo sobre a vida adulta na historia. Durante 75 anos, rastrexamos a vida de 724 homes, ano tras ano, preguntámoslles sobre o seu traballo, a vida doméstica, a saúde, e, claro, preguntando todo ese tempo sen saber como resultarían as súas historias de vida. Estudos coma este son moi raros. Case todos os proxectos deste tipo véñense abaixo nunha década porque moitas persoas abandonan o estudo ou os fondos da investigación rematan ou os investigadores perden o interese ou morren, e ninguén continúa a investigación. Pero, grazas a unha combinación de sorte e á perseveranza de varias xeracións de investigadores, este estudo sobreviviu. Uns 60 dos 724 homes orixinais aínda están vivos, e aínda participan no estudo, a maioría deles andan polos 90 anos. E agora imos comezar a estudar máis de 2000 fillos deses homes. E eu son o cuarto director do estudo. Desde 1938, rastrexamos as vidas de dous grupos de homes. O primeiro grupo comezou no estudo sendo alumnos de segundo ano na Universidade de Harvard. Todos remataron a universidade durante a II Guerra Mundial e, despois, a maioría participou na Guerra. O segundo grupo que seguimos foi un grupo de rapaces dos barrios máis pobres de Boston, rapaces que se elixiron para o estudo especificamente porque proviñan dalgunhas das familias máis problemáticas e desfavorecidas do Boston dos anos 30. A maioría vivía en barracas, moitos sen auga corrente. Cando comezaron o estudo, todos estes adolescentes foron entrevistados. Fixéronlles exames médicos. Fomos ás súas casas e entrevistamos os seus pais. Despois estes adolescentes chegaron a ser adultos que seguiron camiños diversos na vida. Foron operarios de fábrica, avogados, albaneis, médicos, un foi presidente de EE.UU. Algúns sufriron alcoholismo. Outros poucos sufriron esquizofrenia. Algúns subiron na escala social desde a base ata o cumio, e outros foron en sentido contrario. Os fundadores deste estudo nin nas súas fantasías máis tolas imaxinarían que eu estaría hoxe aquí, 75 anos despois, contándovos que o estudo continúa. Cada dous anos, o noso entregado e paciente persoal de investigación chama estes homes e pregúntalles se podemos enviarlles outra serie de preguntas sobre as súas vidas. Moitos dos homes de Boston pregúntannos: "Por que queren seguir estudándome? A miña vida xa non é interesante." Os homes de Harvard nunca fan esta pregunta. (Risos) Para obter a imaxe máis clara destas vidas, non só lles enviamos cuestionarios. Entrevistámolos nos seus salóns. Conseguimos as súas historias clínicas. Extraémoslles sangue, escaneamos os seus cerebros, falamos cos seus fillos. Gravamos as conversas coas súas esposas sobre as súas preocupacións. E cando, hai unha década, lles preguntamos ás esposas se querían sumarse como membros do estudo, moitas mulleres dixeron: "Vaia, xa era hora". (Risos) Que aprendemos? Que leccións xorden das decenas de miles de páxinas de información que xeramos sobre estas vidas? Ben, as leccións non teñen que ver con riqueza, fama nin con traballar moito. A mensaxe máis clara destes 75 anos de estudo é esta: As boas relacións fannos máis felices e saudables. Punto. Aprendemos tres cousas sobre as relacións. A primeira é que as conexións sociais fannos ben, e que a soidade mata. Resulta que as persoas con máis vínculos sociais coa familia, os amigos, a comunidade, son máis felices, máis sas e viven máis que as persoas que teñen menos vínculos. E experimentar soidade resulta ser tóxico. As persoas que están máis illadas do que quererían doutras persoas atópanse menos felices, a súa saúde empeora antes na mediana idade, as súas funcións cerebrais decaen máis axiña e viven menos que as persoas que non están soas. E o triste é que, en calquera momento, máis dun de cada cinco estadounidenses informarán de que están sós. E sabemos que podemos estar sós na multitude e podemos estar sós nun matrimonio, por iso a segunda gran lección que aprendemos é que non ten que ver coa cantidade de amigos que temos, tampouco con que esteamos nunha relación, o que importa é a calidade das relacións máis próximas. Resulta que vivir no medio de conflitos é moi malo para a saúde. Os matrimonios moi conflitivos, por exemplo, sen moito afecto, resultan ser moi malos para a saúde, quizais peores que o divorcio. E vivir en medio de relacións boas e cálidas protéxenos. Cando os nosos homes chegaron aos oitenta e tantos, quixemos analizar como foi a súa mediana idade para ver se podiamos predicir quen se convertería nun octoxenario feliz e saudable e quen non. E cando recollemos todo o que non sabiamos deles aos seus 50 anos, non foron os niveis de colesterol da mediana idade os que predixeron como envellecerían. Foi o grao de satisfacción que tiñan nas súas relacións. As persoas máis satisfeitas coas súas relacións aos 50 anos foron as máis saudables aos 80 anos. E as boas relacións próximas parecen suavizar algúns dos achaques da vellez. Os nosos homes e mulleres en parella máis felices informaron, aos seus oitenta e tantos, de que cando sentían máis dor física seguían sendo igual de felices. Pero as persoas que estaban en relacións infelices, nos días que informaban de teren máis dor física, esta magnificábase pola dor emocional. E a terceira gran lección que aprendemos sobre as relacións e a saúde é que as boas relacións non só protexen o corpo, senón tamén o cerebro. Resulta que ter unha relación segura de apego con outra persoa aos 80 e tantos dá protección, que as persoas que teñen relacións en que senten que poden contar coa outra persoa se o precisan, teñen lembranzas máis nítidas que permanecen máis tempo. E as persoas que teñen relacións en que senten que non poden contar coa outra persoa, son persoas que perden antes a memoria. Pero as boas relacións poden non ser harmoniosas todo o tempo. Algunhas das nosas parellas octoxenarias podían pelexar de cando en vez, pero mentres sentisen que podían contar co outro cando as cousas ían mal esas pelexas non tiñan repercusións nas lembranzas. Pero esta mensaxe, de que as relacións boas e estreitas son boas para a saúde e o benestar, é unha sabedoría vella coma o tempo. Por que é tan difícil de entender e tan fácil de ignorar? Ben, somos humanos. O que nos gustaría sería un apaño rápido, algo que poidamos facer que nos mellore a vida e a manteña así. As relacións son unha lea, son complicadas, e coidar a familia e as amizades non é atractivo nin glamuroso. Dura toda a vida. Nunca remata. No noso estudo de 75 anos as persoas máis felices na xubilación foron as que fixeron por substituír compañeiros de traballo por novos compañeiros de xogo. Como os da xeración do milenio, naquela enquisa recente, moitos dos nosos homes cando eran adultos novos pensaban que a fama, a riqueza e os logros eran o que precisaban acadar para ter unha boa vida. Pero unha e outra vez, nestes 75 anos, o estudo amosou que a xente á que lle foi mellor foi aquela que se apoiou nas relacións, coa familia, con amizades, coa comunidade. Que hai de vós? Digamos que tedes 25 ou 40 ou 60 anos. Que implica entregarse ás relacións? Ben, as posibilidades son ilimitadas. Podería ser tan simple como pasar máis tempo con persoas que con pantallas ou renovar unha relación esgotada facendo algo novo xuntos, camiñadas longas ou citas nocturnas, ou achegarse a ese familiar que non vimos en anos, porque esas liortas familiares tan comúns teñen repercusións terribles nas persoas que gardan rancores. Gustaríame rematar cunha cita de Mark Twain. Hai máis dun século, el estaba mirando cara a atrás a súa vida, e escribiu isto: "Non hai tempo, tan breve é a vida, para liortas, desculpas, xenreiras, peticións de contas. Só hai tempo para amar, e, mesmo para iso, só hai un instante." A boa vida constrúese con boas relacións. Grazas. (Aplausos)