Ola a todos. Chámome Matt Cutts, e traballei para Google durante case 17 anos. Ao ser un enxeñeiro destacado, estiven bastante arriba no ecosistema de Sillicon Valley. Entón decidín ir tras persoas inspiradoras e pasar unha curta etapa no US Digital Service. Son o grupo de friquis que axudaron a rescatar HealthCare.gov cando ese sitio web se colgou en 2013. Si. Asinei por un período de tres a seis meses, e case tres anos máis tarde, sigo en Washington DC, traballando para o goberno federal, porque agora mesmo cómprenlle moito os tecnólogos. Na empresa anterior, tódalas salas tiñan equipo de videoconferencia coa axenda integrada, o cableado ía por dentro dos mobles. Cando me trasladei a unha axencia gobernamental, tiña que chamar a unha persoa para facer unha conferencia telefónica. E cando nos mudamos a outra oficina, estivemos un tempo sen mobles, así que poñíamos o teléfono enriba dunha papeleira. Unha das cousas que máis me sorprendeu cando fun para Washington foi a cantidade de papeis que xestiona a Administración. Estas son as instalacións de Winston-Salem, en Carolina do Norte, onde estaban preocupados por que o edificio non aguantase co peso de todo ese papel. Si. O papel ten certas desvantaxes. Pregunta sorpresa: Se o voso apelido comeza por H ou unha letra posterior, poderiades erguer a man? Vaites! Teño malas noticias. Pode que o voso historial de veterano se perdese nun incendio en 1973. (Risas) Si. En papel, os procesos van máis lentos e cométense máis erros. Se es un veterano que solicita a súa prestación sanitaria por medio dun formulario en papel, poderías ter que agardar meses a que o procesen. Nós substituímolo por un formulario en liña, e agora na maioría dos casos poden saber se teñen dereito á prestación en dez minutos. (Aplausos) Esta é outra iniciativa da que estou orgulloso. Colaboramos coa Administración da Pequena Empresa, axudándolles nun dos seus sistemas a pasar do papel ao dixital. Nesta foto vemos como era antes. E así é como quedou despois. Os mesmos cubículos e a mesma xente, pero cun sistema mellor para todos. Nunha ocasión, quixemos celebrar que modernizáramos outro sistema, e fomos a unha tenda local e dixemos: "Podedes facer un pastel decorado co formulario que dixitalizamos?" Aos da tenda amoscounos bastante ese encargo. Pedíronnos unha carta en papel timbrado. Ben, como traballamos para o goberno escribimos unha carta que poñía: "Pode vostede facer uso deste formulario público sobre un pastel con fins conmemorativos." (Risas) Deu pé a algún chiste malo sobre cubrir pasteis por triplicado. Si, fanse chistes sen graza na administración. Ben, falei moito sobre papeis, pero nós tamén restablecemos sistemas informáticos que se colgan. Aportamos prácticas modernas, como o deseño centrado no usuario e a nube, e tamén axudamos a mellorar os procesos de adquisición. Resulta que o goberno compra programas informáticos igual que compra cadeiras, biscoitos ou tanques: aplicando regulamentos de xestión de máis de mil páxinas. Si, certas cousas da Administración están algo atrapalladas. Pero se pensades que Sillicon Valley é o salvador nesta historia, (Ri) ides descamiñados. Algunhas das mentes máis brillantes no ámbito das tecnoloxías están creando empresas de reparto de comida, de patinetes, ou no mellor método de distribuír maría. De verdade que iso é o máis importante neste momento? A Sillicon Valley gústalle falar de facer do mundo un lugar mellor. Pero percibes o teu impacto dun xeito moito máis intenso na Administración. Este é alguén que perdeu a seu pai. Buscoume en Twitter para dicirme que un sistema que nós melloráramos funcionou ben no seu caso nun momento moi duro. É neses momentos duros cando ten que funcionar a Administración. Por iso necesitamos innovar neste eido. Teño que confesarvos algo. Cando vin á capital, usaba ás veces palabras como burócrata. Ultimamente é máis probable que use "servidor público". Como Francine, que che pode facer chorar. Polo menos a min fíxome chorar, porque é realmente inspiradora. Tamén estou profundamente orgulloso dos meus colegas. Non paran ata resolver situacións ilóxicas botando as horas que faga falla ata lograr o resultado desexado. A Administración non pode pagar grandes bonificacións, así que inventamos os nosos propios premios. A nosa mascota é o cangrexo Molly. E o premio é de feito un bolso con forma de cangrexo fixado a unha placa de metal. Nos tempos que corren xa non creo tanto en fórmulas máxicas que o solucionan todo. Creo máis nas persoas que están aí para axudar. (Aplausos) Se buscades algo cun significado profundo de verdade e, para servos totalmente sincero, ás veces terriblemente frustrante, isto é o que tedes que saber. Algo difícil e embarullado e vital e máxico acontece cando os funcionarios públicos colaboran con tecnólogos no nivel da cidade, do estado ou de todo o país. Non ten por que ser para sempre. Pero podedes cambiar as cousas no servizo público desde xa. Grazas. (Aplausos)